Sunday 05 de May de 2024

A Filmoteca de Galicia celebra durante todo marzo o Día da Muller con 35 sesións de dirección feminina


— Constitúen a meirande parte da carteleira da cinemateca da Xunta para este mes, no que arrancan as retrospectivas da realizadora húngara Márta Mészáros e da xaponesa Kinuyo Tanaka e se lle dedica un especial á alemá Helena Wittmann

— Mantense a colaboración co Consello da Cultura Galega na organización do ciclo ‘Olladas de muller’, que ofrece 10 novas citas cunha destacada presenza de creadoras galegas

A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo o mes de marzo cunha carteleira eminentemente feminina, na que 35 das 42 sesións programadas ofrecen traballos de directoras a través de tres novos especiais sobre Márta Mészáros, Kinuyo Tanaka e Helena Wittmann, así como do regreso do ciclo Olladas de muller, que como cada ano organizan conxuntamente a cinemateca da Xunta e o Consello da Cultura Galega.

Esta programación arrancou xa onte na Sala José Sellier da Coruña coa proxección de A rapariga, de Márta Mészáros, que poderá verse tamén hoxe xoves ás 18,00 h. Esta será a primeira das 12 películas da directora húngara incluídas nesta retrospectiva, que se estenderá ata o vindeiro mes de abril.
Mészáros foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro na Berlinale co seu filme Adopción (1973), tamén incluído na carteleira os días 14 e 15. Como sucedeu con outros moitos cineastas da Europa do Leste, a directora húngara gozou dun indubidable prestixio internacional ata finais dos setenta, que deu paso a un maioritario esquecemento pese a que moitas das súas películas posteriores son coproducións europeas. É o caso, por exemplo, de Las herederas (día 28 e 29), protagonizada por Isabelle Huppert.
Na sede da cinemateca galega exhibiranse tamén este mes outras seis das súas longametraxes : Vínculos (días 3 e 4), ¡No lloréis, preciosas! (7 e 8), Desaparición (9 e 10), Nove meses (16 e 17), Dos mujeres (22 e 23) e Como en casa (24 e 25).

Protagonistas diante e detrás das cámaras

Tamén esta semana arranca unha nova entrega do ciclo anual Olladas de muller, co que a Filmoteca de Galicia e o Consello da Cultura Galega celebran o 8 de marzo mediante a proxección de diferentes traballos audiovisuais protagonizados por mulleres, tanto diante como detrás das cámaras. Desta volta, o programa estrutúrase en 10 sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega.
A película Brainwashed, de Nina Menkes, inaugura o venres esta nova edición de Olladas de muller trazando un panorama histórico sobre a ollada masculina no cine clásico de Hollywood. Entre os filmes seleccionados atópanse, así mesmo, Los años de Súper 8, dirixida pola premio Nobel Annie Ernaux (día 8), La amiga de mi amiga, de Zaida Carmona (día 10), ou El techo amarillo, de Isabel Coixet (día 21).
Ademais do filme de Ernaux, o ciclo ofrece outros traballos sobre o papel das mulleres na literatura (Karen, de María Pérez, o día 9 e A poeta analfabeta, de Sonia Méndez, o día 24), na pintura (Lolita Díaz Valiño, de Rosario Sarmiento e Xurxo Lobato, o día 14 e La visita y un jardín secreto, de Irene M. Borrego, ambas o día 14) ou na política (A revolución (é) probable, de María Ruido, Paula Barreiro e Lee Douglas o día 8 e Margarita Ledo. Parolar cun eu, de Xisela Franco o día 9).

A presenza de creadoras galegas é tamén unha das características de Olladas de muller, con pezas de Alicia López, Carla Andrade, Cora Peña, Lucía Estévez, Adriana Páramo ou Diana Toucedo, ademais das xa mencionadas Xisela Franco, Sonia Méndez, María Ruido, Paula Barreiro e Rosa Sarmiento.
A faceta como realizadora da mítica actriz xaponesa Kinuyo Tanaka centra outra das retrospectivas que dá comezo en marzo e se estenderá ata primeiros de maio. Ofreceranse seis dos títulos filmados entre 1953 e 1962 por Tanaka, quen foi a segunda muller en dirixir películas no seu país. Este mes poderanse ver na Coruña Love letter (días 22 e 23) e Eternal Breast (días 28 e 29).

Visita de Helena Wittmann

A Filmoteca de Galicia programará tamén tres sesións dedicadas á directora alemá Helena Wittmann con ocasión da preestrea en España da súa segunda longa, Human Flowers of Flesh. A propia Wittmann desprazarase ata A Coruña para presentar o seu filme o día 17, así como a sesión do día 18 con dúas curtas de Jean Epstein e Nina Menkes que gardan relación coa súa película. O especial complétase o día 21 coas súas pezas Wildnis, DRIFT e Ada Kaleh.

A programación de marzo inclúe, así mesmo, dous novos títulos do ciclo de Abbas Kiarostami (El sabor de las cerezas, que foi Palma de Ouro en Cannes, e El viento que nos llevará) e as novas proxeccións das seccións Filmoteca Jr. co filme de animación Dónde está Anne Frank e Fóra de serie con Delante de ti, do aclamado Hong Sang-soo.